Edición 2018

AS NOVAS NA ALDEA

Un ano máis, e é o oitavo, acontece en Santiago de Albá, Santo Xusto e Vilafofe, no concello de Palas de Rei (na Ulloa), lugares tamén cubertos de balor. Son aldeas emprazadas nos carreiros dos mundos de hoxe, como calquera outra aldea do noso país, no interior dunha Galiza que esmorece, que, como tantas outras, olla con inquedanza e nostalxia a perda dun xeito de vida que nos trouxo ata aquí, que nos identifica e nos permitiu ser quen somos.

A esta veciñanza bulideira, con orgullo do seu, que non resiste ou non quere perder a memoria da súa “alma mater”, da terra que a criou, uníronse persoas chegadas de distintos puntos de Galiza e velaí temos unha aventura senlleira, un acontecemento onde se implican, con agarimo, máis de cen persoas, actores e actrices insospeitados intérpretes do seu propio pasado, intérpretes de todo un sentir adormecido no xenio da nosa esencia. De todos eles manou a ousadía, a entrega, unha andanza de ilusión; de todos eles xorde a creación dun evento onde a aldea e a súa xente recobran convicción e recoñecemento, a recreación do íntimo ser do lugar de hai catro, cinco, seis… innúmeras décadas.

Trátase dun proxecto que pretende espertar, dinamizar, recobrar a vida que non hai tantos anos tivo o rural galego e hogano viste unha cumprida capa de po. A estas xentes bástalles un pequeno murmurio e todo o que levan dentro abrolla coma torrente sen domar; vólvense falangueiros, alegres, enfían e aloumiñan canto na profundidade dos seus ollos somos capaces de enxergar, brilla neles unha serenidade imposible, confían todo o que teñen e son, comparten e entréganse.

Cada persoa que neses días, o 31 de agosto e o 1 de setembro, se achegue a Santiago de Albá, Santo Xusto e Vilafofe, coa súa contribución económica axudará a que saian novamente personaxes e lugares, palabras, lugares de vida plena noutrora, a maxia das nosas árbores, dos paxaros, dos seres latentes nesta outonía. Coa súa contribución económica axudará a espertar o feitizo dormente a través de escenas como Un adeus a Mariquiña, Dille á defunta, A radio, No adro, Romance do Curuxás… e así ata dezaseis concrecións calmas e humildes dun espazo físico e humano, dun espazo de lenda e historia encuberta.

Como chegaban as novas a este mundo rural? Cun inxente esforzo desvelado en dous días, abeiraremos ao froito de doce meses de reunións e ensaios, de tempo consciente dedicado. Máis de cen persoas, coordinadas, achegando o que cada unha pode e como mellor sabe, todas con enorme ansia e amor polo que somos e fomos, pola nosa terra.

Moitas grazas pola túa participación!!! Sen ela proxectos coma este non poderían ser realidade!!!

Ensaios

Estamos traballando arreo para que un ano máis, todas as escenas por donde pasará o roteiro vos sorprendan… Aquí vos deixamos un pequeniño adianto:

no images were found

Top

Login


Create an Account!
Forgot Password?
Registration is disabled.

Want to Login?

Forgot Password?