páxina inicial Mesa de debate: Das miserias ás reivindicacións: dos caseiros ao bravú  

Modera: Santiago (Chago) Prado Conde


Participan: XURXO SOUTO E XOAN CARLOS GARCÍA PORRAL

A mesa debate no Son d’aldea sempre se caracterizou por explorar e debater sobre as novas vías da ruralidade ou unha ruralidade plural e diversa. Reflexionar sobre o pasado, o presente e proxectar o futuro foi o común denominador e obxectivo central. Os debates de fondo calado en anos pretéritos permitiron achegarse ao campo da música e o seu papel na transformación comunitaria, as mulleres e as novas ruralidades, prestar especial atención ás persoas maiores no medio rural, ás oportunidades e retos nun mundo global, á relación entre os animais e os humanos no medio rural, entre outros.
Nesta ocasión achegarémonos a dúas realidades diferentes pero profundamente ligadas á historia recente de Galicia: a memoria das clases populares do rural e a reivindicación da identidade galega a través da cultura contemporánea.
Por unha banda, a intervención sobre a vida dos caseiros de Xoán Carlos García Porral mostrará a dureza das condicións de existencia dunha clase social hoxe desaparecida, marcada pola dependencia dos amos, a inseguridade permanente e a loita diaria pola supervivencia e a dignidade. A través de testemuños orais e documentación histórica, porase de relevo unha realidade construída sobre relacións de poder herdadas dun pasado case feudal, así como os cambios sociais e económicos que levaron á desaparición desta figura tan característica do rural galego.
Por outra banda, Xurxo Souto evocará o nacemento e significado do movemento bravú, unha expresión cultural que nos anos noventa soubo combinar a lingua galega, o rock e o orgullo das raíces. O bravú reivindicou unha Galicia moderna sen renunciar á súa identidade, situando simbolicamente a aldea, e concretamente Viana (Chantada), no centro da creación cultural e da mirada ao mundo.

En conxunto, ambas intervencións porán de manifesto a importancia de preservar a memoria colectiva, recoñecer as experiencias das xentes do rural e valorar as expresións culturais que contribúen a construír unha identidade galega viva, plural e orgullosa das súas orixes. A reflexión sobre o pasado dos caseiros e a forza transformadora do bravú.