Modera: Santiago (Chago) Prado Conde
Proxección da curtametraxe Raíces, da utopía en diante
Participan: Feitoría Verde, Illa Bufarda e a Asociación Veciñal o Reguiño
A mesa debate no Son d’aldea sempre se caracterizou por explorar e debater sobre as novas vías da ruralidade ou unha ruralidade plural e diversa. Reflexionar sobre o pasado, o presente e proxectar o futuro foi o común denominador e obxectivo central. Os debates de fondo calado en anos pretéritos permitiron achegarse ao campo da música e o seu papel na transformación comunitaria, as mulleres e as novas ruralidades, prestar especial atención ás persoas maiores no medio rural, ás oportunidades e retos nun mundo global, á relación entre os animais e os humanos no medio rural, entre outros.
Nesta ocasión imos centrar a xornada en imaxinar un futuro desexable. Para iso, proxectarase a curtametraxe Raíces, da utopía en diante e teremos con nós ao grupo de mulleres que o fixo posible, coas que charlaremos, debateremos e, sobre todo, permitirá entender como os procesos comunitarios son unha ferramenta fundamental para xerar transformacións pertinentes e relevantes para as persoas e os territorios.
Acceso ao tráiler: https://vimeo.com/1027223561?share=copy
A curtametraxe é o resultado do traballo que as entidades Feitoría Verde e Illa Bufarda veñen realizando no proxecto “Do desequilibrio aos soños compartidos: Creación de narrativas de futuro sostibles”. Un proxecto de máis de 3 anos que vén de culminar na curtametraxe Raíces, da utopía en diante, realizada coas mulleres da Asociación Veciñal O Reguiño. Unha posta en valor da comunidade, dos vínculos dentro dos procesos educativos e do audiovisual como ferramenta de transformación colectiva.
Ames, 2074. Anos despois da revolución climática, Biduído está repleto de árbores autóctonas. Escoitamos paxaros. Vemos varias placas solares nos tellados das casas, moitas delas tradicionais. A xente traballa ao lonxe nas hortas comunitarias...
Así comeza a curtametraxe e así imaxina o seu concello o grupo de mulleres que participa no proxecto “Do Desequilibrio aos soños compartidos”; unha iniciativa de Educación Ecofeminista centrada na emerxencia climática e social que, a través dunha metodoloxía interxeracional, busca imaxinar un futuro sostible (colocando os coidados no centro) para inspirar os cambios que esixen os retos socioambientais presentes.
Dende o ano 2021, co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso, A Deputación da Coruña e os Concellos de Ames, Padrón e Pontevedra, o proxecto desenvolveuse con grupos interxeracionais que traballaron na identificación das causas e consecuencias da Crise ecosocial, e a busca de alternativas. Un proceso que finalizou con tres intervencións artístico-teatrais nas que amosar futuros sustentables e desexables construídos polos propios grupos. A partir destes relatos utópicos, en marzo de 2024, o grupo de mulleres da parroquia de Biduído, no Concello de Ames, comezou a elaboración do guión dunha curtametraxe.
Foi este grupo de veciñas o que decidiu as personaxes, as súas vidas, os conflitos e as historias que estarían presentes nun Ames utópico. Tamén son elas as protagonistas, xunto con moitxs veciñxs que participaron na rodaxe.
A curtametraxe ten como obxectivo amosar un futuro posible e desexable; un futuro esperanzador que, partindo da realidade cotiá dun grupo de mulleres, convide a imaxinar outra forma de facer e de relacionarse, entre nós e coa natureza. Un futuro, no que moitas das alternativas posibles xa formaron e forman parte das formas de habitar o mundo das mulleres. Medio ambiente, xénero, rural e comunidade son os piares dunha historia que aspira a facernos ver o mañá doutro xeito.
|